Este ano é a gaiteira Ledicia Costas a pregoeira da festa da - TopicsExpress



          

Este ano é a gaiteira Ledicia Costas a pregoeira da festa da cereixa de Beade, o ano pasado funo eu que cantar, cantar, cantei - aínda que a gracia no fora moita- o que segue: Cando esteamos no tempo das cereixas O ledo reiseñor e o merlo burlón estarán de xoldra. Mulleres fermosas terán a loucura na cabeza e os namorados, sol no corazón… Estas palabras cantadas con voz de mel por Charles Trenet ou Yves Montand son quen de evocar a promesa, todas as promesas, a do verán que chega, a do amor que agroma, a da esperanza, o gozo, a harmonía. Unha sacudida vexetal e cíclica que abrangue na súa esfera carmesí canto de bo poida ter a vida. Porque as cereixas son un talismán, un fetiche comestible no que se condensa o sabor da lembranza. Na nenez hai sempre unha cerdeira, unha ollada desde abaixo a unha fabulosa cúpula de doces, a man do pai que abaixa a póla ou que agatuña ata o máis alto para apañar os froitos que ti chucharás, lamberás, trabarás marabillada, o zume derramandose dos beizos en rosados regueiros que sucarán o teu breve vestido claro, báquica luxuria. Da infancia son tamén os xogos, os brincos vermellos nas orellas, camiñando erguida para que non caian, contemplándote no espello Pendentes de coral!como a muller que serás. E tamén o xogo coas caguñas, coas pebidas duras como balas, o adestramento na propulsión, o afinamento do tiro. O son das pebidas batendo contra a superficie de metal dunha ola esportelada no medio do eido. E tamén “Cereixas de amor iguais que rosas que caen baixo a follaxe como pingas de sangue” Felipe de amancia ensinando a cuspir caguñas a Manoeliña de Carlos para poder tocarlle así a cariña colorada e mais os beizos, Dombodán soñando coa primeira cereixa do verán, e ela levándoa a boca, mirando con ollos cálidos de pecado, bicándoo e devolvendo coa lingua o óso que rola todo o día no teclado dos dentes como unha nota musical Cuando esteades no tempo das cereixas,se acaso temedes as penas de amor, evitade ás fermosas mulleres, di a canción, cando esteades no tempo das cereixas vos tamén penaredes de amor. Esa embriaguez é tamén un soño, un lume novo que fulgura. Le temps des cerises, escrita por Jean Baptiste Clément en 1866 mentres loitaba nas trincheiras defendendo a Comuna de París é unha canción de amor convertida en himno revolucionario. Naquel soño de hai case dous séculos e que durou 60 días defendíase, entre outras moitas cousas, a autoxestión das fábricas abandonadas polos seus donos, a creación de garderías para os fillos das obreiras, a laicidade do Estado, a obriga das igrexas de acoller as asembleas de veciños, a remisións dos alugueiros impagados e a abolición dos intereses das débedas. Perdoade, pero non me podo substraer á analoxía, á comparación entre aquelas reclamacións xustas que nacían da necesidade de paliar a pobreza xeneralizada que causara a guerra e a situación actual, a de agora mesmo Maio de 2012, parroquia de Beade, europa sur, ameaza real de pobreza nun país afundido pola crise, cheo de rabia e impotencia ante o cinismo dos políticos, a voracidade dos banqueiros, a desapiada deconstrución do ben común, da sanidade, da educación, das pensións que amparan o máis feble. Pero neste escenario sobrecollido pola fantasma do medo continúan agora, como no París de hai case douscentos anos, a agromar as cereixas, as cincuenta mil cerdeiras de Beade seguen frolecendo e ofrecendo o milagre das brancas do cedo, as brancas do tarde, as negras tardías ou as picudas, Beade ten o corazón vermello. Desde aquí, con toda a forza comunal desta parroquia viguesa, volve a abrollar con novos azos a promesa da felicidade. Babio, Balde, O Carballo do Pazo, A Coutada, A Gándara, A Pena, O Porto, Saa/ Lugares de A Balde, As Barallas, O Coto, Dornelas, O Facho, Figueirós, Lombeiro, A Pouleira, As Presas, Quintián, Seixo, grazas por este agasallo de fermosura e esperanza! Por sempre amarei o tempo das cereixas, remata a canción, Por sempre amarei eu o tempo das cereixas, e a lembranza de Beade que gardo no corazón. youtube/watch?v=cD3rBPBXY1c
Posted on: Wed, 05 Jun 2013 10:00:09 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015