O alcalde de Cabana denega un espazo municipal para informar sobre - TopicsExpress



          

O alcalde de Cabana denega un espazo municipal para informar sobre os efectos da mina Redacción | @prazapublica Participantes na manifestación contra a mina de Corcoesto CC BY-SA Praza Pública Documentos relacionados Escrito de denegación da Alcaldía O alcalde de Cabana impide que a veciñanza coñeza posicións contrarias ao proxecto da mina a ceo aberto que se prevé no concello, segundo denuncia a Plataforma pola Defensa de Corcoesto e Bergantiños. As críticas do colectivo chegan logo de que o colectivo recibise unha notificación da alcaldía no que se denegaba a solicitude para utilizar o Auditorio Municipal para ofrecer unha conferencia sobre as consecuencias do proxecto mineiro de Edgewater na comarca, malia que o rexedor presidiu hai unhas semanas un acto no mesmo espazo organizado pola compañía mineira e os seus grupos afíns. O alcalde nega un espazo para a conferencia, malia que el mesmo acudiu a un acto da empresa mineira no mesmo espazo A devantida conferencia ía ser impartida por Serafín González -doutor en Bioloxía, membro do CSIC, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e un dos impulsores da recollida de sinaturas e da campaña contra a mina- e por Xoán R. Doldán, doutor en Ciencias Económicas, profesor de Economía Aplicada da USC. Na solicitude aludíase á responsabilidade social de informar á cidadanía sobre os efectos dun proxecto que está a ser fortemente contestado na comarca e en toda Galicia. As razóns esgrimidas polo alcalde de Cabana, José Muíño, "non son máis que unha mera escusa para denegar a solicitude", segundo denuncia a plataforma, que cre que "aínda que si fosen realidade", o feito de que se trate dun asunto "tan importante para os seus veciños" debería levar o rexedor e "ao seu dilixente facer" a "propoñer datas alternativas ou mesmo outras instalacións municipais como a Casa da Cultura ou o polideportivo". O Concello non ofreceu datas alternativas nin outras instalacións, segundo denuncia a plataforma A xustificación do alcalde para denegar a solicitude é que na data prevista para a conferencia hai xa actividades programadas, aínda que ningunha delas aparece na páxina web do Concello. "Non é ningunha novidade que o alcalde de Cabana de Bergantiños non goberna para todos os seus veciños e administrados, senón máis ben para aqueles que lle son afíns e tamén favorecendo, sen ningún rubor, os intereses da empresa mineira", asegura o colectivo, que cre que a impresión que transmite o alcalde coas súas actuacións é que "os veciños non contan o máis mínimo e que son a alcaldía e a compañía da mina as que mandan". A plataforma contraria á mina lembra que o pasado día 23 de maio José Muíño presidiu no citado Auditorio outra conferencia, organizada pola empresa mineira e os grupos afíns a ambos. "Para esa celebración non houbo ningún problema e tampouco para se apuntar á viaxe a Bruxelas acompañando aos directivos da empresa mineira, así como para firmar un escrito dirixido aos eurodeputados do Parlamento Europeo apoiando sen fisuras o proxecto e descualificando todo aquilo e todos aqueles que non comulguen coas súas ideas e as da mineira", denuncian. "Está visto que os acordes da música da veciñanza, tanto de Corcoesto, como da Costa da Morte, como de Galiza, así como das distintas plataformas contrarias á megaminaría contaminante, son moi diferentes aos seus, e que quen dirixe a música que toca o alcalde é canadense", insiste a plataforma. "A partitura do rexedor é escrita pola empresa mineira", rematan.
Posted on: Sat, 08 Jun 2013 09:54:11 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015