#Coruña O ballet de Sergei Radchenko volve ao teatro Colón - TopicsExpress



          

#Coruña O ballet de Sergei Radchenko volve ao teatro Colón Volve o Russian National Ballet, despois do éxito do ano pasado no que o visitaba por primeira vez España coa Gran Gala Tchaikovsky, unha selección dos momentos máis emblemáticos dos ballets do gran compositor ruso. Nesta ocasión presentan o ballet La Bella Durmiente, a cita coa mellor danza clásica será este venres 29 e sábado 30 ás 20.30 horas. Estas funcións enmárcanse dentro dunha xira coa que percorrerán un total de 30 cidades españolas. Esta fin de semana o público coruñés poderá gozar co bo facer da compañía privada de ballet clásico máis importante de todo Rusia, que nos últimos vinte anos percorreu os cinco continentes e recibiu os máis altos recoñecementos por parte da crítica e do público de todo o mundo. É a primeira vez que a compañía presenta no noso país ballets completos. La Bella Durmiente é un ballet nun prólogo e tres actos con coreografía de Marius Petipa, libro de Ivan A. Vsevolojsky e do mismo Petipa e con música de Piotr Tchaikovsky. Foi estreado no Teatro Mariinski de San Petersburgo o 3 de xaneiro de 1890. Está baseado na historia do mesmo nome escrita en 1697 polo francés Charles Perrault. O ballet, no terceiro acto, recrea outros contos de Perrault como O gato con botas, O paxaro azul e a princesa Fiorina ou Carapuchiña Vermella. Unha figura referente do ballet ruso Sergei Radchenko, funda en 1989 o Russian National Ballet, dirixíndoo dende entón. É unha das figuras referentes do ballet ruso, graduouse na Escola de Danza de Moscú en 1964 e uniuse ao ballet do Teatro Bolshoi no que traballou durante 25 anos. Foi parella de baile da mítica e inigualable Maya Plisetskaya coa que bailou todos os grandes ballets. Destaca tamén polo traballo coreográfico realizado para un gran número de producións cinematográficas e a súa constante labor docente, imparte un gran número de clases maxistrais, ás que invita aos mestres máis importantes dos teatros Bolshoi e Mariinski, para asegurar a continuidade das tradicións da escola clásica rusa. En 1976 concedéuselle o título de Artista Honorífico da Unión Soviética polo seu traballo no desenvolvemento do ballet. As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro teatrocolon.es, en servinova. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na sede do Centro Sociocultural Novacaixagalicia, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado, 9.00 a 21.00 horas. Ademais, no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.
Posted on: Wed, 27 Nov 2013 13:56:55 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015