O Compos gaña ao Coruxo con solvencia Gran partido dos de Fredi, - TopicsExpress



          

O Compos gaña ao Coruxo con solvencia Gran partido dos de Fredi, que puideron marcar máis tantos. Jordan. cun gol e unha asistencia, foi o verdugo do seu ex-equipo. Por gcdeportes | Compostela | 01/09/2013 Fermoso derbi en San Lázaro. Os dous equipos apostaron polo xogo combinativo e ofreceron un bo espectáculo aos 1.100 afeccionados presentes. O Compos arrasou o Coruxo na primeira parte e só a súa falta de puntaría e o bo facer de Fernando evitaron unha vantaxe maior. Aínda que os vigueses melloraron tralo descanso, o gol de Jordan no 70 rematou coa súa reacción. O resultado puido ser máis avultado, pero os locais perdoaron innumerables ocasións. A Esedé saíu coas ideas moi claras, tentando facerse co control do balón e coa liña de presión arriba por momentos. Nunha das primeiras xogadas, Joselu puido facer o primeiro tras rematar fóra coa zurda; e pouco despois tivo un claro man a man a pase de Peláez que acabou en córner. Yahvé tivo unha das melloras ocasións nunha xogada ensaiada de falta, pero mandou o balón fóra cando estaba completamente só. Os verdes non atopaban o seu sitio no campo. Incapaces de ter o balón, probaron sorte con balóns directos a Chaco Pino, o seu dianteiro referencia, sen demasiado éxito. Un testarazo de Alberto García e un disparo afastado de Sergi foron a pobre bagaxe ofensiva dun equipo totalmente anulado polo seu rival. As mellores oportunidades sucedían na meta defendida por Fernando. Manu Rodríguez perdoou unha gran ocasión entrando de segunda liña tras unha bonita xogada entre Yahvé e Jimmy. No minuto 33 chegou o 1-0. Tras un córner, Jordan recolle o rexeitamento, intérnase na área, centra, e Castiñeiras, que subira ao remate, consegue cunha volea imposible colocar os seus por diante. O gol do empate, un espellismo No descanso, Antonio Gómez fixo dous cambios, introducindo a Dani Gómez e Besada no terreo. A entrada do segundo foi clave na reacción dos vigueses. O de Porriño deu outro aire ao medio do campo e permitiu un maior control do xogo por parte dos visitantes, o que igualou a contenda. No minuto 54, tras unha perda de balón de Gonzalo, un pase rápido de Ántunez cara Chaco Pino, que se desmarcaba entre os defensas, permitía a éste establecer a igualada. Parecía que este gol cambiaría a tónica do partido, e que os branquiazuis pagarían ter errado. En troques, nada máis lonxe da realidade. Manu conectaba un gran remate de cabeza que Alberto García sacaba baixo paus. E no 70, tras unha recuperación do medio campo compostelán, o balón caía en banda aos pés de Jesús Varela. Éste chegaba ata a liña de fondo, e poñía un centro raso perfecto para que Jordan fixese o 2-1. A partir de aí, o Coruxo foise abaixo e a goleada puido ser maior. Joselu mandaba un balón alto; e Fernando realizaba unha brillante parada ante o disparo a pracer de Manu. Xa no desconto, Joselu deixaba morto na área un balón centrado dende a dereita, para que Manu esta vez si, fixese o 3-1 definitivo. Fredi: “Esta victoria daranos confianza” Fredi, adestrador branquiazul, declarou tralo partido que "cando gañas e ademais xogas ben é dobre satisfacción. Esta vitoria daranos confianza. Creo que ao final gañou o que mellor partido fixo. Hoxe, a diferenza do día de Ourense, tivemos ocasións de gol aínda que nos faltou acerto". Sobre o gol do rival: "Foi un erro grande pola nosa banda pero dos erros apréndese. Repuxémonos e démoslle a volta ao partido". Pola súa banda, Antonio Gómez, adestrador do Coruxo, dixo que houbo dúas partes: "Unha primeira na que puidemos saír goleados, e unha segunda onde conseguimos igualar o partido, pero o erro do 2-1 foi clave, tal como se desenvolveu o choque". Tamén engadiu: "Non estivemos á altura e non se pode obxectar ó resultado". Crónica de José Ángel Santoveña @JoseA_Santovena
Posted on: Sat, 31 Aug 2013 22:55:39 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015