-Ti es coma un bailarín, un danzarín, non paras de dar voltas, - TopicsExpress



          

-Ti es coma un bailarín, un danzarín, non paras de dar voltas, un danzarín que inestabiliza as miñas liñas argumentais… Torpedeas premeditadamente. -Isto non ten trazas…. Permíteste todas as licenzas… Semella como que non estamos feitos da mesma pasta. Sen romper a compostura, irrompes na miña pista de baile como un estandarte… -Considérasme unha intrusa? Que me fires de morte, meu rapaz! -Unha intrusa…? Non, non ou, mellor, si, si, e sen ser moi consciente diso. Unha intrusa, brutal e felizmente, si, sen me pedir permiso e case sen avisar, felizmente para min… Que sorte a miña coa intrusa esta! Non lle collas medo ás palabras, nada de figuras retóricas, unha intrusa salvadora, o premio millonario para redimir a vida deste coitado. Na miña vida vin tantos quilos de beleza xuntos! Podo xurarcho. Ti tes as proporcións máis atractivas para un home, esas curvas... -Moito teatro. -Como unha muiñeira. -Unha copla. -De corazón, es distinta, cen por cen. -Non me mitifiques, por favor. -Perde coidado, miña rula, que non che vou pasar a man polo lombo. -Así está mellor. -Non creo que as casas se derruben de tanto dobrarse para render preiteisía á túa beleza cando vas pola rúa ou que as baleas corran o risco de varar nas praias cando cheirando a túa presenza se acheguen para celebrarte cos seus chafarices ou que as augas dos ríos estanquen para admirarte e logo veñan esas terribles inundacións, non o creo porque todas elas son inxustas, insensibles, frías como o silencio no ventre das cavernas... e ademais pouco espilidas. -Pero como desbarra este meu lindo pastorciño de metáforas! -Metade fóra ou metade dentro, escoita, o importante é que cace ratos. -E isto, meu ácrata adorado? -Un refrán chino: gato negro, gato branco, o importante... -Eu chino coñezo outro: ao pobo non lle deas peixes, ensínalle a pescalos. -Eu creo que ese é xaponés... seguro non estou. O que eu che diga: se teño a oportunidade de gobernar algún día o mundo, ten por certo que con esa variña máxica do poder o que che describín antes como incerto si que vai ser unha realidade. A neve bailará unha muíñeira e a chuvia unha xota, o vento soará como a mellor orquestra filharmónica, nos xardíns abrollarán caraveis vermellos... -Tanto che gusto? -Tanto non, máis. Es preciosa, a máis preciosa... Estou pasmado. Xúrocho, es guapa como unha estrela de cine... Ti significas a gran viaxe ao interior de min mesmo, esa viaxe que levo tempo agardando, ti es o sal da miña vida, a miña auga termal, un obsequio, a gran novela de amor, a sementeira, o meu mapa, o as no meu camiño, o meu aceite de rosas, a miña casa, a oliva do cóctel…
Posted on: Thu, 13 Jun 2013 10:42:09 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015