O centenario e senlleiro "Teixo dos Tenreiro", outra vítima de - TopicsExpress



          

O centenario e senlleiro "Teixo dos Tenreiro", outra vítima de "Os homes que non amaban ... ás árbores" Pontedeume, 27 de xuño de 2013 No ano 2007, apróbase o Catálogo Galego de Árbores Senlleiras e nel inclúense tres monumentos arbóreos de Pontedeume, entre eles o centenario teixo (Taxus baccata) do palacete dos Tenreiro. Nese mesmo ano, coa chegada dos primeiros calores estivais, o teixo perde unha grande cantidade de follas e os extremos das ramas móstranse secas (foto da dereita). É o comezo dun triste período de decadencia na historia desta árbore monumental, no que queda de manifesto a incompetencia e indiferencia dos políticos e técnicos da Dirección Xeral de Conservación da Natureza. Os informes sobre o enfermo son contraditorios e alarmantes: dubídase da causa da doenza, podería ser un virus, unha bacteria, un fungo, un insecto chupador,...por poder, podería ser calquera cousa. Sen unha diagnose clara decídese actuar: poda vai e poda vén, insecticidas e funxicidas a esgalla. Pasa o tempo e a árbore non mellora, pero os gastos en informes e tratamentos e o lixo dentro da gaiola multiplícanse. O vetusto teixo, que acolleu á súa sombra personaxes ilustres e que foi admirado en toda Europa pola súa antigüidade e peculiar forma, converteuse, baixo a "tutela" da Dirección Xeral de Conservación de la Natureza, nun espectro fantasmagórico inserto nun paseo rodeado de lixo e sometido ao ruído continuo da autopista. Esta árbore, cansa das torpezas daqueles que deberan velar pola súa boa saúde e porque a súa sombra perdurara no tempo, probablemente prefira morrer a seguir esmorecéndo baixo as torturas dos burócratas que non aman as árbores, nin respectan os valores naturais, culturais e históricos do seu país. Máis información en sghn.org
Posted on: Thu, 27 Jun 2013 08:46:50 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015