Notas de prensa Escolas rurais galegas traballan coa - TopicsExpress



          

Notas de prensa Escolas rurais galegas traballan coa computación na nube para alumnos e docentes RuralSchoolCloud é o proxecto europeo no que escolas rurais galegas, xunto con outras de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido, traballan con ferramentas e metodoloxías na nube na mellora da calidade docente. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), vai participar no proxecto de investigación europeo “RuralSchoolCloud. Cloud Computing for School Networking & Learning” (Computación na Nube para a Colaboración e a Aprendizaxe na Escola), que estudará metodoloxías e ferramentas TIC innovadoras no ámbito da educación en centros educativos rurais para mellorar a formación e colaboración de alumnos e docentes. O Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) - acompañado polo grupo de investigación en Tecnoloxía Educativa da USC- coordinará a iniciativa, que aproveita experiencias cloud como Rede Escolas na Nube, posta en marcha en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e a Amtega nos CRA de Boqueixón - Vedra, Consuelo González de Vilaboa, Nosa Señora de Faro de Ponteceso e Amencer de Ribadavia, e que lle valeu prestixiosos premios como o EducaRed, Premio Iniciativa Emprendedora, que outorga o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) ou o I Premio Computer World Iberoamericano. Son precisamente estas escolas as que participarán nesta nova iniciativa. A iniciativa contará ademais co apoio da firma informática compostelá Balidea Consulting & Programming e da compañía tecnolóxica HP, que colaboran tamén en iniciativas precedentes neste ámbito. O resto de socios pertencen a institucións educativas de Dinamarca, Grecia, Italia, Macedonia e Reino Unido con relación directa con centros educativos ubicados no rural ou en zonas con dispersión poboacional. Intercambio de experiencias RuralSchoolCloud terá dous anos de duración e basearase no intercambio de experiencias entre escolas do rural de 6 países europeos, así como entre os axentes implicados en deseñar programas innovadores e proporcionar contornas de colaboración tanto para o alumnado como para os docentes. A partir delas, buscarase unha metodoloxía e ferramentas de traballo comúns, nas que se aproveitarán as mellores solucións desenvolvidas en proxectos anteriores, traballando sobre novas posibilidades da computación na nube e outras solucións TIC que xa se están a empregar nos centros educativos rurais europeos, con diferentes sistemas educativos, idades e características diferentes. As solucións metodolóxicas e tecnolóxicas desenvolvidas serán levadas á práctica polas escolas (de educación infantil, primaria e secundaria) involucradas no proxecto, dous centros por cada país, co obxecto de acadar unha maior colaboración entre estes centros e, en definitiva, unha mellora da calidade do ensino. Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2013-10-21
Posted on: Mon, 21 Oct 2013 18:56:25 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015