Os fusilados de Vila de Cruces O 26 de xaneiro de 1937 morren en - TopicsExpress



          

Os fusilados de Vila de Cruces O 26 de xaneiro de 1937 morren en Pontevedra, ante o pelotón de fusilamento os veciños de Carbia (hoxe Vila de Cruces) Primo López Rivadulla, Manuel Sarmiento Debén, Eduardo Brea Cajide e Antonio Gómez López. Os catro, xunto a outros 14 carbienses foran xulgados en Consello de guerra o 9 de xaneiro, acusados de “rebelión militar”. En realidade o macroproceso de Carbia era un máis dos que os militares facían naqueles días para desactivar calquera xeito de oposición á ditadura. O atestado que deu lugar a Causa pola que foron xulgados iniciouse o 15 de agosto de 1936. Esa tarde a Garda civil de Cruces localiza nunha casa de Compostela o agocho de Primo López Rivadulla, o secretario de Izquierda Republicana e da Frente Popular, a quen levan buscando desde os primeiros días da rebelión. Detido Primo, a raíz do seu interrogatorio, descobren os libros de rexistro de socios e o Libro de actas da Frente Popular, depositados en mans dun dos militantes, que non chegara a destruír. Con esa información van detendo ao resto dos dirixentes republicanos: Jaime Gontán Lois (presidente de IR), Guillermo Pampín Quiñoy, Alberto Villar Cimadevila, Eduardo Brea Cajide, Antonio Gómez López, Manuel Carballal Pena e Manuel Sarmiento Debén. Días antes a Garda Civil detivera na parroquia de Sabrexo aos mineiros Ramón e Rogelio Cajide Rodríguez, Manuel e Jesús Cea Asorey e Rogelio Salgado Rey, acusados de patrullar armados na vila de Cruces o 19 e 20 de xullo. Tamén Ramón Asorey López, Ramón Ramos Lamas e Salustiano Vilariño Pulleiro entran no depósito municipal baixo a mesma acusación. As patrullas foran ordenadas polas autoridades republicanas e autorizadas polo Gobernador civil para controlar a orde pública, xa que neses días todas as forzas da benemérita de Carbia estaban concentradas en Silleda. Aínda que intensamente buscado, non logran deter ao alcalde, Benjamín Salgado Uribe, que consciente do perigo, refúxiase primeiro en Compostela e despois na casa familiar de Arzúa, onde permanecerá agochado ata que en 1945 se presenta ao Gobernador civil de Pontevedra, acolléndose ao decreto de amnistía para os declarados en rebeldía sen delitos de sangue. Os 19 detidos son trasladados á capital e postos a disposición do Delegado de Orde Público, que ordena o ingreso en prisión á espera de que se inicie a súa Causa. Permanecen internos na Illa de San Simón ata a celebración do Consello de Guerra. Na farsa xudicial que constituíu o seu proceso, só teñen en conta os informes da Garda civil e do alcalde Fulgencio Vallés, ademais das testemuñas dos falanxistas de Cruces. A Primo López acúsano de ser o “principal dirixente do movemento revolucionario”; a Manuel Sarmiento, de dirixir as patrullas e provocar conflitos sociais nas minas de Fontao; Antonio Gómez (que era o 1º Tenente-Alcalde), de ser o delegado do Gobernador civil e de ordenar as requisas de armas; Eduardo Brea (tamén concelleiro desde febreiro de 1936), de ser dirixente e patrullar polas rúas. Todos son conceptuados como “propagandistas das ideas comunistas”, cando en realidade pertencían a Izquierda Republicana. Os catro, considerados como dirixentes, nos que o Tribunal militar aprecia a “agravante de perversidade”, foron condenados á pena de morte. Outros trece a reclusión perpetua, e Francisco Pampín López a 15 anos. O 26 de xaneiro ás cinco e media da tarde, en Monte Porreiro, execútase a sentenza de morte. Os catro fusilados foron soterrados en fosas municipais do Cemiterio de Pontevedra. O resto dos condenados volveron á Prisión da Illa de San Simón ata que en maio os trasladan á Fortaleza de San Cristobal en Pamplona. Moitos participan na fuga que se organiza un ano despois, en maio de 1938. Na persecución dos fugados, as forzas militares matan a Enrique Villar e Manuel Cea. Aos condenados do proceso de Carbia foilles concedida á liberdade vixiada en 1941, aínda que algúns como Rogelio Cajide e Ramón Ramos morren ao pouco de saír como consecuencia das duras condicións e privacións padecidas no seu paso polo cárcere de Pamplona. Pero a persecución non remata coa saída da cadea. Estigmatizados socialmente, están sometidos a vixilancia policial e deben presentarse periodicamente ás autoridades. Tamén reciben a condena do Tribunal de Responsabilidades políticas que os penaliza con multas en metálico ou incautación dalgunhas propiedades. Algúns volven ser acusados en 1948 por axudar á guerrilla antifranquista e novamente procesados e encarcerados. Manuel Carballal, que non pode soportar unha segunda estadía na cadea, suicídase na Prisión da Coruña en decembro. Non foi este o único proceso contra os republicanos de Carbia. O 18 de novembro de 1936 foran xulgados Manuel Blanco Fernández e os seus cuñados, os irmáns Enrique e Luis Villar Cimadevila, acusados de disparar o 21 de xullo contra un automóbil que transportaba aos falanxistas de Cruces para liberar a dous camaradas presos en Lalín. Foron condenados a reclusión perpetua. Tamén trasladados á Prisión de San Cristobal, Enrique foi abatido na fuga, e Luis Villar xulgado e condenado a morte o 13 de novembro de 1938 por ser un dos seus promotores. É de xustiza que o Concello de Vila de Cruces reivindique a memoria dos seus veciños máis lúcidos, que representaban a liberdade e a democracia, e só por iso sufriron represión e morte. Manuel Igrexas Publicado en FARO DE VIGO (Edición Deza-Tabeirós) 28-1-2006
Posted on: Wed, 17 Jul 2013 12:38:12 +0000

Trending Topics



Recently Viewed Topics




© 2015